O MEU VOTO CONTA

O MEU VOTO CONTA

O Tribunal Constitucional rexeitou admitir a trámite o recurso de amparo duns pais galegos que solicitan que a súa filla con discapacidade intelectual poida exercer o seu dereito a voto. FADEMGA Plena inclusión insistirá nas súas reivindicacións para que se vexa garantida a participación destas persoas na vida política con accións como a campaña #MiVotoCuenta (www.mivotocuenta.es).

FADEMGA Plena inclusión considera que o feito de que Tribunal Constitucional non admita o recurso de amparo dunha familia que solicita o exercicio do voto da súa filla con discapacidade intelectual, vulnera, unha vez máis, a Convención Internacional dos Dereitos das Persoas con Discapacidade. Na mesma, no seu artigo 12, sinala que os Estados partes deben recoñecer e protexer a capacidade xurídica das persoas con discapacidade “en igualdade de condicións coas demais en todos os aspectos da vida”.

Para iso é necesario que o Estado conte cunha asistencia adecuada a aquelas persoas que o precisen, como as persoas con discapacidade intelectual, co obxectivo de garantir na práctica o exercicio dos seus dereitos políticos, como indica o artigo 29 da citada Convención, asegurando que os procedementos, instalacións e materiais electorais sexan adecuados, accesibles e fáciles de entender e utilizar, incluso permitindo que unha persoa da súa elección préstelles asistencia para votar.

A campaña #MiVotoCuenta (www.mivotocuenta.es) ten como obxectivo garantir que os partidos políticos realicen os seus programas electorais en lectura fácil, informar de maneira accesible como é o proceso para ir votar e solicitar aos organismos públicos que os colexios electorais sexan accesibles desde o punto de vista cognitivo, para que as persoas con discapacidade intelectual vexan garantido o seu dereito.

Eladio Fernández Pérez, Presidente de FADEMGA Plena inclusión, considera urxente a modificación da Lei Electoral, “para resolver dunha vez por todas esta situación de vulneración e evitar a loita individual de tantas persoas na revisión das súas sentenzas xudiciais nas que se lles retira o dereito ao voto”.

Leave a Reply